mércores, 11 de abril de 2012

Procesión de Xesús Glorioso


Domingo de Resurrección: Procesión de Xesús Glorioso. É o día máis importante e máis alegre para todos nós, os católicos, xa que Xesús venceu a morte e deunos a vida.

Segundo ano que se realiza esta procesión engadida aos actos da Semana Santa pola Confraría da Paixón do Noso Señor, ao igual que xa fixeran no 2009 coa procesión de A Borriquita, o domingo de Ramos.

Esta imaxe ao igual que a anterior, tamén saíu do taller do escultor e restaurador Leopoldo Rodríguez Rocha, de Santiago de Compostela.

O percorrido desta procesión comeza na Capela da Atalaia, baixa polo Campo da Atalaia, polo camiño novo e fai unha parada na Praza de España, para seguir pola Rúa Trincerpe, Avda. de Galicia e remata na Igrexa onde se venera a imaxe de Xesús Glorioso.

Procesión moi vistosa e para non ter o arraigo centenario doutras, tamén contou con moita presencia de fieis. O momento máis emocionante e que arrancou os aplausos da xente, foi cando a imaxe cargada polos 18 costaleiros fixo a súa entrada na praza de España a paso lixeiro. Un acto sen dubida non exento de moito risco, xa que un mal paso podería dar ao traste con todo. Nótanse os adestramentos das semanas previas.

Nesta ocasión contouse coa Banda Música Municipal de Caldas de Reis para acompañar aos tambores da Confraría e aos gaiteiros de Rumbía. No dixen en ningunha entrada, pero o son dos tambores que acompaña as caratulas dos vídeos é precisamente da súa banda.

Non quixera rematar sen antes agradecer a colaboración prestada por todos e cada un dos integrantes da Confraría da Paixón do Noso Señor para poder elaborar todo este traballo, do que me sinto enormemente satisfeito e moito máis tralas mostras de agradecemento que estou recibindo. Ao igual que lle acontece a algunha desa xente, facendo isto sentinme transportado a aqueles Encontros de antano aos que me levaba miña nai (q.e.p.d), e dende o balcón no que gravei o vídeo dese acto, esa lembranza e o seu recordo permanente veume varias veces á mente.

Grazas Moncho, grazas Juan, grazas José Manuel, grazas Baldomero e demais socios e socias da Confraría... a lista é interminable, pola labor que desenrolades, non só ao longo desta semana, se non que, agora que o sei, todo o ano, pero iso é a parte que non vemos. Foi unha semana longa e intensa, pero coido que valeu a pena... unha magoa non poder completar tódolos actos.
Procesión de Xesús Glorioso






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Os comentarios son libres, só pido sentido.